luns, 2 de outubro de 2017

VIGO LITERARIO

A Concellería de NL, a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, oferta unha actividade dinamizadora do galego dirixida á poboación escolar.
- Obradoiros literarios Proxecto Vigo Literario
Vigo tivo e ten unha presenza destacada na literatura galega e na literatura noutras linguas. A cidade foi, e ségueo a ser, referida nas páxinas do mellor da nosa literatura. Na obra de escritores e escritoras como Cunqueiro, Méndez Ferrín, Domingo Villar, Cid Cabido, M.ª Xosé Queizán, Rexina Vega, Vigo adquire, como territorio narrativo, un valor propio. Houbo tamén autores noutras linguas como Torrente Ballester, Jules Verne,  Ernest Heminway, Fialho de Almeida que narraron Vigo.

O proxecto Vigo e Literatura pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo. Entendemos que un proxecto destas características pode servir para facer visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social. Este proxecto debe servir, tamén, para dar a coñecer a propia cidade e a súa historia aos seus habitantes, os vigueses e as viguesas.

O obradoiro inclúe unha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, portuguesa, inglesa. Trataranse cuestións como a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra.
Haberá unha outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos de obras literarias de diferentes épocas, e que teñan como marco diferentes espazos de Vigo, trataremos de que o alumnado sexa quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Utilizaríamos ferramentas dixitais para a confección de mapas interactivos, como Ikimap.

Duración: 1 hora e 30 minutos
Dirixido a: alumnado de 3.º, 4.º ESO e 1.º, 2.º Bacharaleto
Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino
Necesidades técnicas da actividade: aula de informática, proxector de vídeo

Para calquera dúbida sobre o desenvolvemento da actividade poden consultar con Beatriz Collazo 647 47 05 05


Para solicitar a actividade é necesario enviar cuberta, a solicitude que se achega, o día 16 de outubro ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org a partir das 9:30 e até as 14:00 (deben poñer no asunto: proxecto vigo literario)


Amais: os obradoiros concederánselles, en primeiro lugar, aos centros de ensino nos que a actividade non foi impartida o pasado curso escolar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario